VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega congrega 2.000 persoas en Compostela para reclamar do dereito de autodeterminación

Manifestación Vía Galega

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2022.- A plataforma Vía Galega convocou unha manifestación co lema “Somos unha nación” á que asistiron 2.000 persoas para reivindicar o dereito de autodeterminación e conmemorar a Revolución Galega de 1846 e os Mártires de Carral, que serviu de alicerce para o nacionalismo.

Anxo Louzao, Marta Dacosta, Daniel Asorey, Pablo Carracedo “Jasper” e María Xosé Bravo leron o manifesto final, en representación dos máis de 60 colectivos que conforman esta plataforma social. Isabel Risco e Irene Tato foron as encargadas de introducir o acto, que tamén contou coa actuación musical do grupo “Un pobo, unha selección” que gravou o himno deportivo en prol das seleccións galegas.

“Como nación libre, Galiza poderá construír unha sociedade con traballo digno e sen emigración, máis democrática, máis xusta e de maior igualdade e benestar social”, afirmou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, en declaracións aos medios de comunicación ao inicio da manifestación.

“A afirmación de ‘Somos unha nación’ implica termos o dereito a decidir, non hai plena democracia de non garantir os dereitos colectivos dun pobo; por iso Galiza como nación ten dereito á autodeterminación”, indicou.

“Esiximos responsabilizármonos do noso futuro como Pobo, gobernarnos a nós mesmos e mesmas, sen subordinacións nin dependencias, porque non somos unha nación subsidiada”, sinalou. “Vivimos do que producimos e do noso traballo, mentres contribuímos a desenvolver outros territorios do Estado, condénasenos a emigrar, a termos uns salarios dos máis baixos do Estado e as segundas pensións máis reducidas”, engadiu.

Galiza é un país esquilmado pois achega 3.000 millóns máis ao Estado en relación aos servizos que recibe e, hoxe, máis de 4.000 empresas que teñen a sede ou a produción non tributan aquí senón fóra, maioritariamente en Madrid. “Exportamos o 30% de electricidade e pagámola a prezo de ouro, non temos un sector público da enerxía e nin sequera unha tarifa eléctrica galega, iso condena á pobreza enerxética as clases populares, mentres os oligopolios do sector, no ano 2021, ingresaron 2.700 millóns da electricidade que producimos”, expuxo como datos.

Por estes motivos, desde Vía Galega “esiximos romper a nosa dependencia colonial para rematar co espolio das nosas materias primas e recursos naturais, da enerxía que producimos e do aforro que xeramos”. “Necesitamos total soberanía para dotármonos dun sector enerxético e financeiro público e galego, que garanta unha electricidade con prezos populares e para que o noso aforro se converta en benestar social dos galegos e galegas e non continúe expatriándose”, expresou.

Urxe un modelo económico autocentrado e un sistema fiscal e de financiamento propio e soberano para desenvolver o noso tecido industrial e as nosa potencialidades. “Esiximos soberanía alimentar para relanzar o sector agropecuario, recuperar superficie agraria produtiva e impedir a eucalitización”, engadiu.

Ademais, incidiu na necesidade de combater “a galopante españolización que sufrimos e o ataque ao noso idioma e cultura”. “Por iso, desde Vía Galega teimamos en crear máis conciencia nacional e en reforzar a autoestima colectiva”, explicou Anxo Louzao.

Vía Galega é unha plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, á que están adheridas máis de 60 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, social e veciñal.