Mediante a campaña Abril de Lume e Ferro, VÍA GALEGA, Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, quere lembrar, no 180 aniversario da Revolución Galega de 1846, un dos acontecementos máis relevantes da nosa historia. Os actos comezan o 16 de abril en Lugo, cunha palestra a cargo do historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, sobre o significado e a relevancia histórica da revolución. Continúan o venres 24 en Pontedeume coa palestra do estudosos da Revolución Galega, Henrique del Río sobre o impacto da revolución nas comarcas do Eume e as Mariñas. Ao día seguinte, en Compostela terá lugar un roteiro guiado por Del Río seguindo os pasos da revolución na cidade.
Os actos rematarán o domingo 26 coincidindo co 180 aniversario dos fusilamentos en Carral cunha homenaxe aos Mártires da revolución. O acto terá lugar na praza da Capela, en fronte do monumento aos Mártires da Liberdade e iniciarase ás 12h cunha peza interpretada polo grupo Tres pes. De seguido, Marica Campo, autora do manifesto deste ano, dará lectura do mesmo para a continuación intervir a portavoz de Vía Galega, Lucía Veciño. O acto rematará cunha ofrenda floral aos pés do monumento.
Este actos de lembranza e reivindicación queren contribuír a recuperar unha parte da nosa memoria colectiva máis silenciada, co fin de proxectar no presente a dignidade e sacrificio de pasadas xeracións que, dun xeito ou doutro, deron a súa vida pola causa da liberdade de Galiza e a construción dunha sociedade máis xusta.
A Revolución Galega de 1846 foi unha revolta popular contra o goberno conservador de Narváez e un modelo de estado centralista e na defensa dun trato xusto para Galiza. O pronunciamento militar e civil prendeu a partir do 2 de abril de 1846 en diferentes cidades galegas. O 15 de abril constituiuse a Xunta Superior do Goberno de Galiza, convertida en goberno do país durante uns días, que pretendía recobrar a unidade territorial de Galiza e aspiraba a que que Galiza, ” convertida nunha verdadeira colonia da corte”, tivese un papel diferente no estado, ao tempo que se procuraba un modelo social e político mais xusto coas clases populares. Impúxose a represión e os combatentes revolucionarios foron derrotados co fusilamento – entre os cales están os 11 oficiais fusilados o 26 de abril en Carral- outros perseguidos ou exiliados como o caso de Antolín Faraldo. Mais a revolución quedou gravada na memoria colectiva e as súas idas e propostas foron as percusoras do nacionalismo actual.
Vía Galega no seu afán de recobrar a nosa historia e memoria fai un chamamento a participar nos actos previos e na homenaxe aos Mártires de Carral para render tributo aos mártires da liberdade que simbolizan e representan a represión contra a Revolución Galega. Unha verdadeira revolución popular que se estendeu por diferentes localidades de Galiza e que foi masacrada co fusilamento e a represión centos de vítimas.
