VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega convoca un acto conmemorativo da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral

Será o sábado 24 de abril ás 12:00 en Carral e contará coa intervención do artista Xurxo Souto

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021.- A Plataforma Vía Galega organiza un acto público conmemorativo dos feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral. Será o sábado 24 de abril ás 12:00 en Carral e contará coa intervención do músico e escritor Xurxo Souto.

Mediante esta actividade, Vía Galega, a plataforma social en defensa dos intereses nacionais de Galiza, quere lembrar os acontecementos de 1846 coa conformación da Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza e as proclamas de Antolín Faraldo, para loitar contra a posición subordinada á que fora sometido, política e economicamente, o noso país baixo a ditadura do xeneral Narváez.

Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou diversos combates contra as tropas enviadas para sufocar a idea de erguerse contra o Goberno español absolutista por mor da imposición dun sistema tributario centralizador e discriminatorio para as clases populares.

Eses feitos quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. En maio de 1904 ergueuse, a iniciativa da Liga Galega da Coruña, o monumento aos Mártires da Liberdade que está situado en Carral.

Vía Galega quere, mediante este acto e a difusión dun vídeo que se pode descargar nesta ligazón da web www.viagalega.gal, transmitir os feitos da Revolución Galega de 1846 dun xeito didáctico e participativo para que a mocidade coñeza os motivos desta rebelión e a historia dos Mártires da Liberdade.