VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega convoca un acto para presentar o libro “Símbolos nacionais de Galiza” en Ferrol

O evento, aberto ao público, será esta sexta 11 de novembro ás 19:30 no Centro Cívico de Canido

Esta plataforma social desenvolverá, o 19 de novembro ás 11:30 horas, unha acción expansiva para izar a bandeira en múltiples puntos de Galiza

Ferrol, 9 de novembro de 2022.- Vía Galega convida a participar no acto de presentación do caderno “Símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira” previsto para esta sexta 11 de novembro (venres)  ás 19:30 no Centro Cívico de Canido, en Ferrol.

Neste evento, aberto ao público, intervirán Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador da obra de Eduardo Pondal; e Xoán Costa, profesor e investigador da orixe da bandeira galega. Os autores do libro farán un relatorio sobre os símbolos nacionais do noso país, para dar a coñecer a súa historia e o seu significado.

As persoas asistentes levarán, de balde, cadanseu exemplar desta publicación sobre a bandeira o himno galego coa letra restituída de acordo co texto orixinal de Eduardo Pondal, concibidos como símbolos de identidade colectiva de pertenza a unha nación, que nos recoñecen como galegos e galegas.

Ademais, o 19 de novembro ás 11:30 realizarase unha campaña expansiva para izar bandeiras galegas por todo o país, coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega, en que a comarca de Ferrol tamén participará de xeito activo.