VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega convoca unha manifestación nacional co lema “Somos unha nación” o 24 de abril en Compostela

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022.- A coordenadora de VÍA GALEGA, plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, á que están adheridas 61 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, social e veciñal, vén de acordar a convocatoria dunha manifestación nacional que percorrera as rúas de Compostela o domingo 24 de abril, ás 11.30, coincidindo con que se fan 176 anos daquel “abril de lume e ferro”, en palabras de Manuel María, en que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia de Galiza: a Revolución Galega de 1846 que rematou, infelizmente, o 26 de abril cos fusilamentos en Carral dos “mártires da liberdade”.

Coa  loita daquel movemento iníciase a historia do nacionalismo que fundamenta  a súa existencia na defensa permanente dos dereitos da nación galega e na procura da súa liberación nacional.

A  afirmación de “Somos unha nación” será o motivo desta mobilización. O noso dereito e vontade a ser libres, a decidir o noso futuro e a romper coa nosa  dependencia colonial e opresión nacional faise máis necesario que nunca para rematar co espolio dos nosos recursos, da nosa electricidade e do aforro e co desmantelamento industrial.

Decidir por nós mesmos/as é imprescindíbel para termos un desenvolvemento autocentrado, cun tecido industrial e económico ao servizo de Galiza, para crear emprego de calidade, para  acadar maior igualdade e benestar social, para normalizar a lingua e a cultura e para dotármonos duns servizos públicos universais, eficientes e de calidade.

Todos e todas as que anhelamos unha Galiza dona de seu, libre, próspera e máis democrática e igualitaria temos unha cita en Compostela este 24 abril.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

Coordenadora de Vía Galega