VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega denuncia a “desaparición” en Pontevedra da bandeira galega pendurada dun mastro, e a mofa que un militante da ultradereita española fai dos feitos.

Vía Galega foi coñecedora no día de onte dun vídeo publicado por un militante da formación de ultradereita Vox, no que fachendeaba de que a bandeira galega do mastro da praza Valentín García Escudero, instalada o pasado mes de novembro nun acto promovido pola nosa entidade, “desaparecera”.

O sucedido en Pontevedra non fai máis que reafirmarnos no que en numerosas ocasións temos exixido en Vía Galega: a urxencia da necesidade de defender os nosos símbolos nacionais, fronte á escalada de españolización e ocultación dos mesmos. Só desde o odio a Galiza e a súa cultura e, por tanto, ao pobo galego, se explica unha actuación deste tipo. Non hai absolutamente nada, agás un supremacismo españolista que non ten encaixe neste País, que xustifique o roubo dunha bandeira galega. Aproveitamos para lembrar, por se existise algunha dúbida, que a bandeira que alí estaba instalada, está ampara pola Lei de Símbolos de Galiza desde 1984.

Vía Galega vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira. Hai tres anos, coincidindo coa I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, iniciamos un traballo de difusión masiva da nosa bandeira. O pasado mes de novembro, cando se cumpriron 107 anos da efeméride, retomamos a campaña dándolle continuidade ao traballo iniciado nos últimos anos e, así, o 15 de novembro instaláronse numerosas bandeiras por toda a xeografía galega. Un acto cívico, co único obxectivo de mostrar o noso orgullo de pertenza a un pobo, o galego.

Sabemos das preferencias de Vox por outro tipo de bandeiras de corte fascista, mais que non teñen lugar aquí, e así quedou demostrado en numerosas ocasións. Galiza é unha nación demócrata e orgullosa de si mesma, no que rexeitamos o seu discurso de odio e a súa proposta de asimilación lingüística e cultural, porque queremos manter a nosa identidade como pobo diferenciado, cos nosos símbolos, e por suposto coa nosa bandeira. É precisamente isto o que non tolera o españolismo, que exista un pobo que a pesar de séculos de asimilación, continúa a resistir.

Como galegas e galegos, defendemos un mundo mellor, máis xusto e en liberdade, construído por todas e todos, desde aquí. Por iso, non imos permitir que os mesmos que intentaron eliminarnos no pasado, volvan intentalo. Así mesmo, reclamaremos que a bandeira sexa reposta o máis axiña posíbel, para demostrarlles que non nos van amedrentar nen frear, porque son uns imperialistas fracasados.

Fascismo Nunca Máis!