VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega destaca o “éxito conseguido” ao izar a bandeira en máis de 200 lugares no aniversario da I Asemblea Nacionalista

Esta actividade enmárcase na campaña para divulgar os símbolos nacionais: o himno e a bandeira

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022.- Dentro da campaña que Vía Galega está a desenvolver por todo o País para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira, esta plataforma social elixiu o 19 de novembro como data para a acción expansiva de izar a bandeira en lugares emblemáticos da xeografía galega, porque hai 104 anos, en 1918, as Irmandades da Fala celebraron en Lugo a I Asemblea Nacionalista.

“Temos que afirmar que as nosas expectativas víronse superadas”, explicou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, “e por tanto podemos valorar como un éxito a izada da bandeira, xa que en 151 concellos e en 205 lugares, hoxe, ás 11.30 ergueuse unha bandeira galega”. “En 41 lugares acompañouse esta acción con diferentes actos que consistiron en lectura de poemas alusivos á bandeira, actuacións musicais, e intervencións de representantes de Vía Galega.

Esta plataforma que aglutina máis de 60 colectivos sociais e culturais agradeceu a colaboración de 29 concellos que facilitaron a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira para que siga ondeando no futuro. “Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos hoxe no a puideron colocar mais que teñen previsto colocala nos próximos días”, engadiu.

Vía Galega amósase moi satisfeita e valora positivamente a resposta activa dada para que esta semana se contaran por milleiros as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas. Esta plataforma continuará co propósito e empeño de que todos os concellos e vilas coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. “Son a expresión da nosa existencia como Pobo e do dereito a sermos libres”, explicou Anxo Louzao. “Porén, padecemos un Goberno galego que persegue, nega, oculta ou silencia o que nos fai galegas e galegos e as manifestacións en que subxaza autoafirmación nacional e identificación colectiva”, sinalou.

“Os nosos símbolos nacionais únennos como galegos e galegas, fortalecen a nosa identidade colectiva e a conciencia nacional, imprescindíbeis para camiñar cara unha Galiza soberana: ondeemos permanente as nosa bandeira, como unión e afirmación patriótica dun pobo que ten vontade e arelas de ser libre”, afirmou.

Acto en Compostela, na capital do País

No acto de izado da bandeira en Compostela participaron, ademais do portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo e representantes de todos os grupos da Corporación municipal. No evento celebrado no miradoiro do parque de Carlomagno, no barrio das Fontiñas, interviñeron tamén tres crianzas para leren poemas alusivos á bandeira galega.

Anxo Louzao agradeceu ao Concello de Santiago de Compostela e ao seu alcalde, Xose A. Sánchez Bugallo, “pola súa disposición e colaboración que fixo posíbel que hoxe poidamos colocar esta bandeira neste emprazamento que se merece a bandeira galega”; ao gaiteiro Bieito Lobariñas que interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galiza e o himno galego; e ás crianzas Aldara Lueiro Olveira, Mariña Louzao Ferro e Manuel de Cal Vidal que deron voz a tres poemas: “A Salve”, do Cancioneiro da loita galega de Florencio Delgado Gurriarán; “A bandeira”, do poemario As rúas do vento ceibe de Manuel María; e “En pé”, da publicación A terra asoballada de Ramón Cabanillas.