Diante do grave contexto aberto arredor de Catalunya, especialmente desde o 1 de outubro de 2017 até o día de hoxe, reprimíndose á maioría social que se pronunciou a favor do dereito a decidir o futuro do seu país en plebiscito, e a optar pola soberanía do mesmo, opción que contaba e conta cunha maioría absoluta no Parlamento de Catalunya,
manifestamos desde Vía Galega. Plataforma Social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza a nosa absoluta solidariedade co pobo catalán, na súa loita en favor da súa autodeterminación, censurando a violencia e represión que está a conlevar a aplicación por parte do Executivo español do artigo 155. Represión que está a azoutar á maioría política de Catalunya e ás súas institucións democráticas, parella a unha actuación xudicial de parte, presidida por unha lectura eminentemente política da realidade catalá.
Solidarizámonos cos representantes políticos das lexítimas institucións catalás e con todas e cada unha das persoas que están a ser perseguidas polo seu ideario político catalanista, pola defensa dunha Catalunya que avance cara a súa soberanía plena. Así mesmo, facemos un chamado ao pobo galego para que tamén se pronuncie solidariamente co pobo catalán, manifestándose en contra da vulneración dos dereitos e liberdades que se está a producir. Reafirmándonos na defensa do recoñecemento do dereito de autodeterminación para Catalunya, Euskadi e Galiza.
Compostela, 26 de marzo de 2018
Coordenadora Vía Galega.
Plataforma Social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza