Hoxe, 5 de novembro, ás 10:30h. a comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación permanente da multifacética obra de Castelao polo pobo galego”, impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura, fixo entrega no Parlamento de Galiza, no Rexistro da Xunta Electoral de Galiza, de 19.047 sinaturas. 9.047 máis que as 10.000 necesarias para debater a ILP no Parlamento. Toda unha mostra da necesidade e interese da sociedade galega para coñecer e valorar en toda a súa extensión a figura polifacética de Castelao.
Vía Galega e Galiza Cultura queren agradecer publicamente a implicación da comisión promotora na campaña, a colaboración de diferentes entidades e organizacións polo seu empeño na recollida de sinaturas e tamén a de cada unha das persoas asinantes que fai posíbel que está ILP se vaia a defender no Parlamento Galego.
A desantención por parte da Xunta de Galiza de todo o que nos conforma como pobo que tan negativamente repercute na falta de conciencia e autoestima colectiva de do que somos: galegos e galegas, foi o que nos levou a promover esta ILP. Esta desatención histórica e cultural manifestase especialmente na figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, promovendo a ignorancia e manipulación do seu inmenso legado de valor incuestionábel e representativo do mellor que deu Galiza na política, na arte e na literatura
Con motivo de que se compren 75 anos da morte de Castelao no exilio, a Xunta de Galiza declarou institucionalmente “Ano Castelao”, o ano 2025. Porén está rematando o ano é a Xunta continúa co confinamento da figura multifacética de Castelao, silenciando e manipulando o seu pensamento e a súa faceta política e confirmando un desleixo total para divulgar o conxunto da súa obra. Nada do pouco programado pola Xunta se asentou nunha programación integral da figura de Castelao. Insignificante, foi, a súa presenza no sistema educativo e nos medios de comunicación de titularidade pública. Nada se iniciou nin se programou con perspectiva de que perdure no tempo.
A luz dos feitos, todo indica que a pretensión da declaración “do ano Castelao” responde , máis unha vez, a utilizar a figura de Castelao para lexitimar o marco autonómico actual, moi lonxe das aspiracións políticas soberanistas de Castelao. A realidade é que se continúa negando ao Pobo galego o dereito a coñecer e contemplar toda a súa obra literaria e artística e o seu pensamento político.
A actitude da Xunta no que vai de “ano Castelao” evidencia e reforza a necesidade e oportunidade de esta Iniciativa lexislativa Popular, avalada por 19.047 sinaturas de galegas e galegos, para rescatarmos, dunha vez, a Castelao do ostracismo ao que o teñen sometido.
Con esta ILP pretendemos que: se promovan e desenvolvan actividades para pór en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; se catalogue toda a obra de Castelao para o seu coñecemento, a través dunha base pública de datos dixital de acceso aberto e universal; se defina un espazo museístico para expor nel toda a obra plástica de Castelao, como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza; se realicen as xestións oportunas para que se adquira ou para que se ceda o cadro “A derradeira lección do mestre” para que permaneza exposto no espazo museístico que se defina para Castelao; se divulgue o coñecemento da multifacética obra de Castelao, singularmente no sistema educativo e nos medios de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta; se promova unha edición popular co máis destacado do pensamento político de Castelao, da súa obra literaria e artística, co obxecto de distribuíla de forma masiva na sociedade galega; se impulse a sinalización, accesibilidade e promoción dos espazos relacionados coa vida e obra de Castelao.
O PP, coa súa maioría absoluta, ten, agora, unha nova oportunidade para rematar co ocultamento e falseamento da figura de Castelao e garantir o dereito ao coñecemento e contemplación da súa obra ao pobo galego, votando a favor desta ILP cando se defenda no Parlamento de Galiza.
