VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega e Galiza Cultura esínxelle ao PP que cese no se empeño de impedir a restauración do Himno Galego.

Vía Galega e Galiza Cultura afirman que “os tempos son chegados” para restaurar definitivamente o texto fidedigno do Himno Galego. Esíxenlle ao PP que cese no seu empeño de impedilo, asuma a verdade científica e se sume ao consenso académico, social e do resto das forzas políticas

Pasaron 30 anos desde que en 1996 se constituíra unha ponencia conxunta no Parlamento Galego para estudar a eventual restauración da letra verdadeira do himno. Grazas a investigación do doutor Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña, que recuperou os manuscritos do himno, xunto con impresos con correccións autógrafas e a versión editada e autorizada por Pondal que revelou alteracións textuais na versión oficial. Posteriormente, en 2002 e 2018, foron realizados dous amplos informes técnicos escritos, onde se demostraba documentalmente que o actual texto oficial do Himno Galego mostraba a existencia de alteracións de importancia.

O 26 de setembro de 2023, debatíase no Parlamento Galego a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, promovida por unha comisión representativa do mundo cultural, musical, lingüístico, universitario, sindical, educativo, etc; impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por preto de 16.000 sinaturas. Infelizmente, non foi tomada en consideración polos votos en contra do grupo parlamentar do PP e do PSOE, que xustificaron o seu rexeitamento en que constituirían unha comisión especial do Parlamento para abordar o tema.

Porén, foi necesario que transcorreran máis de nove meses desde o debate da ILP para que, o 3 de xullo de 2024, se constituíra no Parlamento, a “Comisión non permanente especial para o estudo sobre a posíbel modificación do himno”, con maioría absoluta do PP. O desleixo continuou, pois até maio do 2025 no presentaron unha proposta de ”Plan de traballo”. Por certo, proposta imposta, innegociábel e pechada, que fixaba as entidades ás que se lles ía solicitar informes : Real Academia Galega (RAG) Consello da Cultura Galego (CCG) e Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) integrado no Consejo Superior Investigaciones Científicas (CSIC), as mesmas que van comparecer na comisión parlamentar, xunto ao catedrático Manuel Ferreiro, vetando outras propostas achegadas polo resto dos grupos parlamentares.

Por fin, o día 25 e 26 de xuño de 2026, despois de que transcorreran 2 anos e 9 meses do debate da ILP no Parlamento, tiveron lugar as comparecencias do profesor Manuel Ferreiro, máximo especialista e investigador da obra de Pondal e do Himno Galego; do presidente da RAG; da presidenta do CCG e do director do CSIC- IEGPS.

A Real Academia Galega e o Consello da Cultura de Galiza, tanto nos seus informes emitidos coma nas comparecencias, avalaron e mostráronse favorábeis a restaurar a letra do himno, afirmando a RAG que: “a Proposición de Lei merece ser considerada seriamente, xa que vén precedida dun estudo rigoroso, documentado e correctamente argumentado no aspecto filolóxicoe o CCG recoñece que as correccións propostas na ILP á letra do himno son “froito das mudanzas dunha edición filolóxica impecable , realizada co máximo rigor científico” e considera ”pertinente revisar a edición do Himno Galego , tendo en conta os contidos da ILP e algúns aspectos que achega no informe.

O PP necesitaba dalgún esteo que lle servira de xustificación para continuar rexeitando a corrección do himno. Para iso, recorreu ao CSIC-IEGPS, ente dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Organismo de afán españolizador, que vive de costas á realidade cultural e lingüística galega, que chegou a utilizar o español en parte da súa comparecencia na comisión e presentou o informe sobre a restitución da letra do Himno en español e galego.

Tanto o informe como a comparecencia do CSIC-IEGPS evidenciaron a intencionalidade e o desatino de darlle voz a este ente, incompetente e sen solvencia para informar sobre o noso himno, mentres se vetaba a comparecencia doutras entidades promotoras da ILP. A falta de rigor levoulles a utilizar o posicionamento do CCG correspondente ao ano 2003, cando o propio CCG corrixiu e rectificou aquela argumentación co informe presentado agora. Como ao CSIC lle resultaba imposíbel negar a evidencia científica, víronse obrigados a afirmar que: “o informe elaborado polo Dr. Manuel Ferreiro documenta a existencia de erros de transmisión gráfica e variantes introducidas en procesos de copia e difusión [ do himno]… Desde unha perspectiva estritamente científica… pódese soster que existe unha base sólida para identificar un texto máis próximo á vontade do Bardo de Ponteceso “. De aí que para obedecer aos mandatos do PP, non lles quedaba máis remedio que tirar do disparate para afirmar que a letra do himno non se pode corrixir “pois obrigaría, en coherencia, a revisar tamén a configuración do escudo e da bandeira” (sic).

Os grupos Parlamentares do BNG e DO, que xa apoiaran co seu voto favorábel a ILP, reafirmáronse , nas comparecencias do día 25 e 26 de xuño, na necesidade de restituír a letra do himno. Postura, asumida e defendida, tamén, agora, polo PSOE. Agás O PP, todo o resto das forzas parlamentares confluíron na oportunidade e momento para recuperar o texto fidedigno do himno.

Hoxe, podemos afirmar que ninguén cuestiona os resultados da investigación do profesor Ferreiro e por tanto, desde o punto de vista filolóxico, científico e académico o texto fidedigno a restaurar ten a base na proposta expresada na ILP, avalada por preto de 16.000 persoas. Até o PP e o CSIC asumen que os cambios propostos están documentados e que corresponden ao texto orixinal de Eduardo Pondal.

Unha vez que hai consenso académico, social e do resto das forzas políticas, o PP non pode, valéndose da súa maioría absoluta no Parlamento, impedir a restitución da letra do himno, segundo a súa versión orixinal. Mais,cabe preguntarse, porque o PP continúa sen expresar a súa vontade de aceptar a verdade científica e asumir a restauración da letra do himno? Todo indica, ao teor do anunciado nas comparecencias, que o PP continúa instalado no non, ficando sen argumentos, recorrendo á retórica valeira, á demagoxia e á manipulación. Non atende a razóns científicas, senón a un posicionamento ideolóxico antigalego, desprezativo coa identidade nacional, propio de mentes colonizadas e cargadas de autoodio que renegan dos nosos símbolos nacionais e de todo o que nos conforma como pobo. Iso explica que a Xunta nunca realizou campaña algunha de divulgación e popularización masiva do himno, mais si promoveu que se cantara incompleto.

Galiza non é merecente dun goberno negacionista da verdade científica e contrario a vontade do seu pobo. Hoxe, a versión restaurada, a orixinal –malia non ser a oficial- non só conta co aval de 16.000 persoas e con acordos plenarios de concellos e deputacións que representan a maioría da poboación galega, senón que é tamén a versión máis cantada nos actos que se interpreta o noso himno, ao tempo que son cada vez máis as agrupacións musicais que integran no seu repertorio o himno fidedigno.


O PP entodo este proceso sempre usou desculpas deliberadas, tácticas disuasorias e argumentos falaces para impediren a restitución do himno. O PP fica, ao día de hoxe, en total soidade e sen argumentos para non corrixir a letra do himno. “Os tempos son chegados” para rematar coa afronta ao noso himno. O PP ten a obriga de pórse no lugar correcto da historia, sumándose ao resto dos grupos parlamentares para ditaminar favorabelmente a restauración oficial da letra do himno