Pasaron 15 meses desde que o PP se comprometera a abordar o tema, despois de que votara en contra da ILP
Hai máis dun ano (26 de setembro de 2023) debatíase no Parlamento Galego a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por preto de 16.000. Infelizmente non foi tomada en consideración, ao contar só co apoio do BNG e cos votos en contra do PP e do PSOE. Ante a falta de argumentos, tanto o PP como o PSOE pretenderon xustificar o seu voto en contra co compromiso de constituír unha comisión do Parlamento para abordar o tema. Vanse cumprir 15 meses daquel compromiso parlamentario e de que o portavoz do PP afirmará que comprometía a súa palabra a que antes do remate do ano 2023 o tema estaría resolto.
A realidade é que a día de hoxe, aínda que a comisión se constituíu formalmente hai uns seis meses, o PP tena totalmente paralizada, pois nin sequera se fixaron a orde de traballos, amosando, máis unha vez, un total desleixo e desconsideración para co noso Himno.
Esta actitude de desgana e desidia foi unha constante do PP a partir da primeira vez (1996) en que se tratou o tema no Parlamento por iniciativa do BNG. Foron sempre desculpas deliberadas e argumentos falaces os que impediron a restauración do Himno, malia a ser un tema recorrente no Parlamento. En consecuencia, a Lei de Símbolos de Galiza de 1984 continúa sen modificarse e sen introducir as correccións precisas na letra do Himno, de acordo co texto orixinal e á vontade de Pondal.
Por moi sorprendente que pareza, o feito é que despois de 40 anos da promulgación da Lei de Símbolos de Galiza o texto do noso Himno- como ten demostrado o catedrático da UDC Manuel Ferreiro hai xa máis de 30 anos- contén diferentes alteracións que se foron transmitindo no himno e que continúan sen estar corrixidas oficialmente. Por exemplo, a desaparición da indicación de que o texto é un diálogo; a presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco en lugar de rouco e iñorantes por ignorantes); a aparición de formas inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos por férridos) e a alteración da forma correcta clan por chan.
Está actitude de desleixo extremo só se pode entender polo desprezo do PP para con todo o que nos representa e identifica como pobo, malia que contradiga a evidencia científica. É inaceptábel e indigno que o Goberno Galego sexa tan desconsiderado cos símbolos nacionais galegos mentres promove e abraza a asimilación españolizadora. A súa antigaleguidade condúceos a negar todo o que sustenta a nosa razón de existirmos e sermos unha nación. Só así se entende que continúen sen cantar o himno completo e restaurado e eviten difundilo e popularizalo masivamente.
Vía Galega e Galiza Cultura exixen que o PP desbloquee a Comisión Parlamentar e que definitivamente se restaure oficialmente a letra do Himno, ao tempo que reclamamos da Xunta de Galiza a edición dunha publicación masiva para que todas as galegas e galegos o aprendan para podelo cantar correctamente. Tanto Vía Galega como Galiza Cultura continúan empeñadas en divulgar e popularizar o himno corrixido, de aí que este ano, de novo, o día 20 de decembro, coincidindo co 117 aniversario da estrea do Himno Galego na Habana, se vaian realizar diferentes actos que rematarán todos coa interpretación completa e restaurada do Himno Galego.