Do 17 ao 20 de decembro, Vía Galega e Galiza Cultura organizaron unha programación de actos para render homenaxe ao noso Himnno no seu 118 aniversario. Unha efeméride que serviu un ano máis para exixir que o Goberno galego corrixa os erros que aínda persisten no noso Himno, e por tanto, modifique a Lei de Símbolos de Galiza.
Como é sabido, o noso himno está formado polas catro primeiras estrofas do poema “Os Pinos” de Eduardo Pondal e pola música de Pascual Veiga. O texto do Himno galego, recollido na Lei de Símbolos de Galiza de 1984, ten diferentes erros, xa que non bebeu da fonte orixinal pondaliana, senón que se baseou nunha defectuosa versión editorial que tiña herdado erros acumulados desde había anos.
A investigación do máximo especialista do noso himno, o profesor da UDC Manuel Ferreiro, demostrou, xa hai máis de 30 anos, as alteracións e erros que se foron transmitindo no himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal. Malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, polo nacionalismo no Parlamento e despois de 41 anos de promulgación da Lei de Símbolos de Galiza, ao día de hoxe, o texto do noso himno continúa sen estar corrixido, destacando catro alteracións de importancia.
Por este motivo, Vía Galega e Galiza Cultura aproveitaron o aniversario da estrea na Habana do noso Himno para reivindicar que se socialice coas súas catro estrofes e coa restitución da letra orixinal en sete localidades: A Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Allariz, Pontevedra e Vigo.
A pesar do desleixo da Xunta de Galiza, Vía Galega non desistirán nesta loita, para poñer fin dunha vez por todas, a unha anomalía e inxustiza histórica co noso pobo.
