Manuel Ferreiro, Catedrático da UDC, máximo investigador do noso himno, Anxo Louzao, Coordenador de Vía Galega, e María Antonia Pérez, Vicepresidenta de Galiza Cultura, mantiveron, hoxe, reunións co Grupo Parlamentar do BNG, coa súa protavoz, Ana Pontón, e a deputada Mercedes Queixas; co Grupo Parlamentar do PSOE, coa presencia do seu portavoz José Ramón Gómez-Besteiro e as deputadas Silvia Longueira e Julio Abalde; co Grupo Parlamentar do PP co seu portavoz Alberto Pazos, a deputada Carme Pomar e o deputado José Luís Ferro e co portavoz de DO Armando Ojea.
Na anterior lexislatura, concretamente o 26 de setembro de 2.024, debatíase no Parlamento a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular ( ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, defendida por Manuel Ferreiro en nome da comisión promotora e impulsada por Galiza Cultura, (Federación de Asociacións Culturais Galegas)e Vía Galega, (Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza).
Infelizmente, a Proposición de Lei non foi tomada en consideración, malia estar avalada por preto de 16.000 sinaturas, ao ser rexeitada polo Grupo Popular e polo Grupo dos Socialistas. Fundamentaron o seu rexeitamento, malia a terlla presentada con moita anterioridade, na necesidade e compromiso de constituír unha comisión no seo do Parlamento para abordar o tema e resolvelo definitivamente. A realidade foi que tardaron máis de dous meses en promover a constitución da “Comisión non permanente especial de estudo sobre a posible modificación da letra do himno” e que antes de iniciar os seus traballos se disolveu o Parlamento e se convocaron novas eleccións. Por tanto, a comisión quedou disolta sen ser retomada e o o noso himno continúa sen estar restaurado.
Por iso, hoxe, volvemos a reclamarlle de todos os Grupos que tomaran en consideración as propostas recollidas na ILP por ser as correctas e fidedignas co texto orixinal do noso himno, que ninguén foi capaz de refutar nin academicamente nin cientificamente e que sería inadmisíbel que se dilatasen no tempo os acordos necesarios para corrixir oficialmente o texto do noso Himno.
O BNG, que xa no seu día votou a favor da ILP, amosou toda a súa disposición e compromiso para que, dunha vez por todas, se fixese oficial a restauración do Himno. O PSOE, polos cambios producidos no seu grupo parlamentar nesta lexislatura, deuse uns días para darnos resposta as nosas demandas. O PP manifestou que a súa vontade era retomar a constitución dunha comisión parlamentaria, o máis axiña posíbel, para abordar o tema. Comprometéndose a axilizala e afirmando que se había consenso por eles non habería inconveniente en resolver o tema definitivamente. DO afirmou que, no seu día, cando se solicitar o respaldo á Deputación de Ourense a ILP xa votaran a favor de restauralo e que continuaban a defender a mesma posición.
Hoxe, 29 de maio, cúmprese 40 anos a lei de Símbolos de Galiza, mais o Himno nacional Galego, continúa sen corrixirse oficialmente, cando xa hoxe moitos sectores da nosa sociedade e diferentes entidades xa o cantan correctamente. Agardamos, por tanto, que remate o desleixo e desconsideración cun dos símbolos máis importantes da nosa nación, o himno, que nos representa a todos os galegos e todas as galegas