VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega fai protagonista a bandeira galega no día de hoxe

Ao longo de toda esta semana, a bandeira galega tivo presenza nas rúas e e vivendas de toda Galiza. A acción tivo lugar no marco da campaña que Vía Galega vén desenvolvendo para divulgar e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira.

Este xa é o cuarto ano no que facemos coincidir a campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 107 desde que as mulleres e homes das Irmandades da Fala, recollendo o facho de persoas como Antolín Faraldo, Curros Enríque ou Rosalía de Castro nomeáronse, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 15 de novembro, máis de 30 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Ricardo Seixo, Marica Campo, Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira. Contouse ademais con diferentes actuacións musicais e deuse lectura ao un manifesto elaborado para a ocasión.

Para varios destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico de colocación da bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala nun futuro próximo.

Entre os concellos nos que se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, A Mezquita, A Rúa, Arzúa, Baiona, Bueu, Cangas, Carballeda de Avia, Compostela, Fene, Ferrol, Lugo, Maceda, Moaña, Moeche, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, San Sadurniño, Santiso, Teo, Tui ou Vigo.

Vía Galega móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 10 ao 15 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

Vía Galega continuará co esforzo de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.