A Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza “Vía Galega” presentarase publicamente á veciñanza da Estrada e Lalín en dúas asembleas
Vía Galega fixo a súa constitución a nivel comarcal en Taberiós-Deza no mes de outubro do pasado ano. Nesa data nomeuse coordinador comarcal e Pablo Carracedo, mestre e músico, máis coñecido como Jásper. A plataforma comezou nese intre unha serie de contactos telefónicos para darlle forma ao proxecto nas súas localidades.
As restriccións sanitarias provocadas pola crise do covid-19 adiaron a posibilidade de facer calquera acto público de xeito presencial.
Agora que as restriccións e o número de contaxios é moito máis baixo, Vía Galega fará a súa presentación pública en forma de Asemblea Aberta.
Os actos terán lugar nesta fin de semana:
- O sábado no Círculo de Recreo-Casino de Lalín ás 17:00 horas. Intervirán o coordinador comarcal Jásper e Óscar García. Se o tempo o permite o acto farase na terraza do Café Casino, no caso de choiva, farase no seu interior. Sempre cumprindo escrupulosamente coa normativa que desenvolve o protocolo covid.
- O domingo a Asemblea Aberta será na Carballeira de Sabucedo na Estrada ás 17:00 horas. É un espazo veciñal fermoso, moi amplo e a plataforma conta cun servizo de orde que velará polo estrito cumprimento do protocolo covid. Alí intervirán o propio Jásper de novo e tamén Clara Iglesias a presidente da A.C. Vagalumes ( entidade que está integrada dentro da Plataforma Vía Galega).
Nesta asembleas expoñerase o papel que quere xogar Vía Galega nas distintas localidades impulsando o encontro entre a veciñanza, o asociacionismo e a defensa da lingua, cultura e patrimonio histórico e natural do noso País. Do mesmo xeito, escoitaranse as achegas e plantexamentos dos alí presentes. Vía Galega agarda que o proxecto que xa está en marcha coas primeiras adscricións individuais continúe nas propias asembleas con novas adscricións.