Exposicións, publicacións e vídeos serán distribuídos por 35 vilas e cidades nos próximos meses
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021.- A Plataforma Vía Galega presentou a programación da campaña “Galiza, un pobo, unha selección” que contará con exposicións itinerantes, diversas publicacións e vídeos para reclamar o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional. Será unha campaña itinerante que se poderá ver por toda Galiza nos próximos meses e que conta coa colaboración das vicepresidencias das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra para a súa difusión.
No acto de presentación estiveron Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega; Héctor Pena, xornalista; Bruno Lopes, deseñador, e Lucía Veciño e Susana Méndez da coordenadora desta plataforma que integra máis de 60 colectivos culturais, sociais e deportivos.
O obxectivo desta campaña é esixir o dereito a que Galiza poida competir profesionalmente e a nivel oficial en todas as disciplinas deportivas, tanto nas seleccións masculinas como femininas. “Pretende tamén contribuír a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; a potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; ademais de incidir na galeguización do deporte e de impulsar a igualdade de xénero”, engadiu Anxo Louzao.
A campaña susténtase cun manifesto que xa ten milleiros de persoas asinantes, cunha revista de 15.000 exemplares que conta coa colaboración de persoas como Belén Toimil, Ezequiel Mosquera, Gustavo César Veloso ou Chano Rodríguez; cun xornal cunha tiraxe de 30.000 exemplares e cunha exposición que percorrerá 35 localidades con 20 paneis sobre a historia do noso deporte e as súas reivindicacións. Ademais, exhibirase un documental coa participación de 13 persoas referentes do deporte galego como Fernando Vázquez, Xulia Vaquero, Alexandre Sanmartín, Eva Castro ou Cristina López Villar, entre outras. Tamén estará dispoñíbel unha canción reivindicativa con letra de Bieito Lobariñas. Así, destacou que arredor de 50 persoas do ámbito deportivo galego están a colaborar nesta campaña a favor das seleccións galegas.
“O Goberno galego non está en disposición de que as nosas seleccións compitan, nin sequera a nivel amigábel, pois o primeiro que fixo o PP cando chegou á Xunta foi suspender os encontros da Irmandiña”, advertiu. “Isto acontece cando somos referentes en diversas disciplinas, como quedou demostrado nos Xogos Olímpicos coa consecución de 6 medallas e de 10 diplomas”, sinalou. Esta imposibilidade de competir como galegos e galegas limítalle a deportistas participar en certames internacionais. Puxo como exemplo que países como Gales e Escocia puidesen participar na Eurocopa de Fútbol coa súa bandeira e coas súas cores, “mentres o Goberno do Estado español impediu este recoñecemento a Galiza cun Goberno da Xunta subordinado que aplaude esta situación”.
O deporte, elemento para a construción nacional
Pola súa parte, Bruno Lopes destacou que foi un orgullo traballar nesta campaña “como galego, como soberanista e como persoa que desexa que as nosas seleccións nacionais compitan internacionalmente, ademais de traballar man a man co compañeiro Héctor Pena”. A nivel de deseño, procurouse que fose atractivo visualmente, tanto a exposición como a cartelaría e as publicacións, coa utilización das cores representativas da Galiza: azul e branco. Ademais, usouse a tipografía galega Abisinia, creada por Rubén Prol, combinada coas icónicas faixas de Pepe Barro para a camisola da Irmandiña e coa imaxe da Playmóbil de Fernando Martíns que utilizara o tecido asociativo a prol das seleccións galegas, segundo explicou.
Héctor Pena incidiu en que esta campaña permitiu “botar luz sobre unha parte da nosa historia deportiva que está oculta e infravalorada para quitar peso á construción nacional, cando o deporte é un factor máis”. Así, mediante os soportes desta campaña dáse conta desde deportes autóctonos como a billarda e a chave, até o fútbol, pasando polo baloncesto, squash ou a loita libre e o atletismo, sen deixar nada atrás, afirmou.