VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

VÍA GALEGA no aniversario da Constitución

VÍA GALEGA. Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, á que están adheridas 62 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, musical e veciñal, coincidindo co 42 aniversario da aprobación da Constitución, quere manifestar o seguinte:

  • Estamos ante unha Constitución que non supuxo unha ruptura democrática coa ditadura franquista. Todo o contrario. Foi produto de acordo co réxime da ditadura, prevalecendo todas as súas estruturas.  O aparello militar e policial, o poder xudicial e o inxusto  modelo económico  continuaron sendo os mesmos.
  • Altos cargos e ministros do franquismo, responsábeis da represión e de crimes de lesa  humanidade, continuaron exercendo como tales, sen ser xulgados nin dar conta das súas actuacións e atropelos. Todos se converteron ao constitucionalismo para asentar un réxime, o do 78, cuxos alicerces é unha constitución  que fixa a monarquía- un sistema por natureza antidemocrático- como forma política do Estado. Monarquía nomeada por Franco na figura do rei Juan Carlos, cabeza máis visíbel dunha monarquía totalmente  corrupta e desalmada.
  • A Constitución do réxime do 78 tivo como obxectivo claro paralizar os avances das reivindicacións nacionalistas, asentar un marco político-xurídico españolizador e centralista e impedir calquera avance cara a soberanía nacional.  A conformación do chamado Estado das Autonomías non foi mais alá dunha descentralización administrativa. As prerrogativas importantes continúan nas mans do Estado. As competencias transferidas, xa de por si cativas, son poder outorgado e  o Estado reservase o dereito  a intervir ou suspender a propia  autonomía, tal como se constatou  coa a aplicación do artigo 155 en Cataluña.
  • Non deixa de ser preocupante que se continúe sacralizando unha constitución de grandes carencias democráticas  que nega e impide dereitos colectivos fundamentais como é o dereito a decidir dos pobos  a elixir o seu futuro mediante exercicio de autodeterminación. Unha constitución que nega a  composición plurinacional do Estado e atribúelle ao exército a defensa da integridade  territorial por riba da soberanía  Popular. Ese exército que, máis unha vez,  como neste momento amosa en  diferentes manifestos, está presto a levantarse en armas para  “defender a sagrada unidade da patria”.
  • A Constitución converteuse permanentemente no obstáculo insalvábel de  calquera reivindicación nacional para conseguir un  maior autogoberno  e de barreira infranqueábel  para poder exercer  o dereito a decidir das nacións  do Estado. Baixo esta constitución condénase a liberdade de expresión e continuase actuando impunemente contra as liberdades democráticas.
  • Trátase dunha Constitución que continúa negándonos como pobo e  condenando a nosa lingua  a ser estranxeira no noso propio país. Impide  o exercicio dos dereitos lingüísticos que lle  asisten a toda lingua, xa que  todas e todos os galegos teñen a obriga de coñecer o español ( lingua imposta e allea ) mais non o galego, que é a lingua propia de Galiza.
  • Os principios constitucionais de Vía Galega baséanse, tal como recolle a Carta dos Dereitos do Pobo Galego, promovida por Vía Galega en que “O Pobo Galego ten o dereito imprescritíbel e inalienábel á libre determinación, nos termos estabelecidos no Dereito Internacional e sinaladamente na Carta das Nacións Unidas, para decidir democraticamente o seu estatuto político con toda liberdade e sen ningún tipo de inxerencia externa”.

Por iso, en VÍA GALEGA nada temos que celebrar dunha Constitución que se alicerza no legado  do franquismo e nega o dereito a podérmonos gobernar libremente a nós mesmos.

Compostela, 5 de decembro de 2020