Intervén na mesa redonda “O dereito de autodeterminación, referendo e democracia desde abaixo”
Frankfurt, 22 de outubro de 2022.- Co gallo da Feira do Libro de Frankfurt, que este ano ten como convidado de honra o Estado español, xorde BeyondSpain, unha iniciativa alternativa que ofrece un espazo para a creación cultural e literaria, para as linguas e os dereitos lingüísticos, para as ideas democráticas, antifascistas e anticoloniais. Un espazo para os colectivos que queren mostrar a outra realidade sobre as linguas, culturas, literaturas e o activismo político.
Dentro do programa do 22 de outubro organizouse unha mesa redonda co título: “O dereito de autodeterminación, referendo e democracia desde abaixo”. Nela participaron a Assemblea Nacional Catalana por Catalunya, Gure Esku por Euskal Herria e Vía Galega por Galiza.
Desde a ANC subliñaron que as violacións sistemáticas dos dereitos humanos e políticos aplicadas até o de agora no caso catalán afectarán ás futuras normas democráticas da UE e sentarán un perigoso precedente para a cidadanía da UE. Así mesmo denunciaron que o “Catalán Gate” é o maior caso de espionaxe político do mundo e que as autoridades abusaron dos dereitos humanos de 65 políticos e activistas independentistas cataláns polas súas ideas.
Adrián Bravo, de Vía Galega, incidiu en que “a negación dos dereitos colectivos dos pobos leva implícita a limitación dos dereitos individuais das súas persoas. “O exercermos a plena soberanía, o termos a plena capacidade política, non só é un dereito inalienábel, como nación que somos, senón que se torna imprescindíbel para paralizar o espolio e dispoñer dos nosos recursos naturais e produtivos, para termos un sector financeiro público e propio, para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía”, explicou.
Así, Adrián Bravo avogou por “reivindicar e loitar por un proceso de industrialización do noso país, rachando co modelo actual de industrias de enclave, apostando polo noso rural como unha potencia alimentar, defendendo a nosa soberanía enerxética cunha tarifa eléctrica galega onde as galegas e galegos sexamos beneficiarios directos da produción que se realiza no noso pais.”
Desde Gure Esku, pola súa parte, enfatizaron que dada a situación que se vive en Europa, é imprescindíbel romper a situación lóxica da real politik que conduce a guerra. Na actualidade non cabe falar de conflictos internos; como está sendo evidente na guerra da Ucraína, cuxas consecuencias cruzaron rapidamente as fronteiras dos estados, dado que pola súa banda están convencidos de que debe intervir e debe facilitar unha resolución democrática dos conflitos territoriais de soberanía, no só por unha cuestión de democracia e liberdade, senón tamén para previr conflitos máis graves que poidan afectar a toda a Unión e para reforzar o proxecto europeo.