VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega perante a celebración do Día da Patria 2026

Compostela, 24 de xullo de 2026.- A Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, Vía Galega, fai un chamamento á cidadanía galega para participar nas mobilizacións convocadas con motivo do Día da Patria Galega e anima a pendurar a bandeira galega en balcóns e xanelas como símbolo de afirmación colectiva e compromiso co país.

Galiza é unha das nacións máis antigas de Europa. A nosa historia, a nosa lingua, a nosa cultura e a vontade de sermos un pobo con identidade propia constitúen os alicerces dunha realidade nacional que atravesou os séculos e que continúa plenamente vixente.

Hai máis dun século, as mulleres e os homes das Irmandades da Fala abriron un novo tempo para o nacionalismo galego, proclamando a necesidade de que Galiza contase con institucións propias e coa capacidade de decidir libremente o seu futuro. Na II Asemblea Nacionalista decidiron instituír o 25 de xullo como Día de Galiza ou Día da Patria, unha data que se consolidou durante a República, foi mantida no exilio e recuperada na propia terra polo nacionalismo galego en plena ditadura franquista.

Desde entón, cada 25 de xullo converteuse nunha xornada de irmandade, reivindicación e loita para todas aquelas persoas que consideran que Galiza é unha nación con dereitos políticos, sociais, económicos e culturais que deben ser plenamente recoñecidos.

Nun momento no que Galiza continúa afrontando importantes desafíos demográficos, económicos, industriais, ambientais e lingüísticos, resulta máis necesario ca nunca reivindicar a capacidade do pobo galego para decidir sobre os seus propios recursos, o seu territorio e o seu futuro. A defensa da nosa lingua, do noso tecido produtivo, dos servizos públicos, do medio natural e dunha vida digna para a maioría social forman parte inseparable da reivindicación dos nosos dereitos nacionais.

Desde Vía Galega reiteramos o noso compromiso coa defensa dos dereitos nacionais de Galiza e facemos un chamamento á mobilización social arredor do Día da Patria Galega. Animamos ao pobo traballador galego a participar nos actos e manifestacións convocados polo soberanismo e a facer visible, pendurando a bandeira galega en balcóns e xanelas, o orgullo de pertencermos a unha nación con historia, identidade e vontade de futuro.

Viva o Dia da Patria galega!