Neste mes de decembro, Vía Galega presenta o caderno monográfico “Mulleres na construción da nación galega”. Esta publicación editada coa coa colaboración da Deputación da Coruña, nomeadamente coa Área de Cultura, ten nos seus obxetivos, espallar información e coñecemento sobre o noso país, tan oculta, nesgada ou simplemente roubada, moitas veces para proveito de outros.
Nesta ocasión, prestamos atención, coa colaboración inestimábel e desinteresada de sete estudos, que agradecemos, ao papel protagónico das mulleres na historia de finais do s.XIX e XX de Galiza.
A través deste traballo coral no que participan Aurora Marco, Pilar G. Negro, Marga Corral, Carme Vidal, Daniela Ferrández, Montse Fajardo e Lucía Veciño repasamos a impronta imborrábel e imprescindíbel das mulleres na guerrilla antifranquista galega, nas loitas obreiras e agrarias, na construción e posterior reconstrución do nacionalismo galego e na loita polas liberdades sexuais. Asemade, recuperamos os nomes dalgunhas delas que ficaron borradas polo medo, polo esquecemento ou pola desinformación.
Así, esta pequena publicación que xa está en distribución pretende contribuír á memoria e á historia dun pobo cheo de dignidade, combatividade e rebeldía que as mulleres construíron.