O evento será este xoves, 17 de novembro, ás 19.30, na A.C. Alexandre Bóveda
A Coruña, 15 de novembro de 2022.- Vía Galega convida a participar no acto de presentación do caderno “Símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira” previsto para este xoves 17 de novembro ás 19:30 na A. C. Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16, 1º).
Nesta presentación, aberta ao público, intervirán Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador da obra de Eduardo Pondal; e Xoán Costa, profesor e investigador da orixe da bandeira galega. Os autores do libro farán un relatorio sobre os símbolos nacionais do noso país, para dar a coñecer a súa historia e o seu significado.
As persoas asistentes levarán, de balde, cadanseu exemplar desta publicación sobre a bandeira e o himno galego coa letra restituída de acordo co texto orixinal de Eduardo Pondal, concibidos como símbolos de identidade colectiva de pertenza a unha nación, que nos recoñecen como galegos e galegas.
No paseo do Parrote, diante da muralla do xardín de San Carlos
Ademais, o 19 de novembro ás 11:30 realizarase unha acción expansiva sobre a bandeira galega por todo o país, coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega, en que a cidade da Coruña tamén participará de xeito activo. En concreto, o punto de encontro do acto será no paseo do Parrote, diante da muralla do xardín de San Carlos.