O parque de Carlomagno, en Compostela, lucirá a bandeira galega
Esta plataforma social desenvolverá, o 19 de novembro ás 11:30 horas, unha acción expansiva para izar a bandeira en múltiples puntos de Galiza
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022.- Vía Galega convida a participar no acto de presentación do caderno “Símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira” previsto para este martes 15 de novembro ás 18:30 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Neste evento, aberto ao público, intervirán Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador da obra de Eduardo Pondal; e Xoán Costa, profesor e investigador da orixe da bandeira galega. Os autores do libro farán un relatorio sobre os símbolos nacionais do noso país, para dar a coñecer a súa historia e o seu significado.
As persoas asistentes levarán, de balde, cadanseu exemplar desta publicación sobre a bandeira e o himno galego coa letra restituída de acordo co texto orixinal de Eduardo Pondal, concibidos como símbolos de identidade colectiva de pertenza a unha nación, que nos recoñecen como galegos e galegas.
O parque de Carlomagno lucirá a bandeira galega
Ademais, o 19 de novembro ás 11:30 realizarase unha campaña expansiva para izar bandeiras galegas por todo o país, coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega, en que a comarca de Compostela tamén participará de xeito activo. En concreto, o punto será no alto do parque de Carlomagno, no barrio das Fontiñas, en Santiago de Compostela.