Un ano máis, a Plataforma Social Vía Galega promove a iniciativa para popularizar os nos símbolos nacionais, nomeadamente a bandeira e o himno, este último pendente da súa restitución á versión fidedigna despois de que o PP manteña desde hai máis dun ano bloqueada a Comisión parlamentaria.
A campaña foi presentada esta mañá en Compostela nunha rolda de prensa na que participaron Lucía Veciño, portavoz nacional da plataforma, Helena Carro e Andrés López, membros da coordinadora nacional e Marco Sueiro da coordinadora de Compostela.
Con esta campaña, son xa catro, a plataforma aproveita os días previos ao 17 e 18 de novembro, datas nas que se celebrou en 1918 a I Asemblea Nacionalista de Lugo promovida polas Irmandades da Fala para facer un chamamento a que durante a semana próxima, do 10 ao 15 de novembro se coloquen bandeiras galegas nas varandas e xanelas como mostra de orgullo colectivo á pertenza dun pobo.
A campaña pecharase con actos simultáneos en toda a xeografía do noso país inzando a bandeira galega o sábado 15 ás 12h. A día de hoxe confirmaron a colaboración coa iniciativa os concellos de Maceda, Lugo, San Sadurniño, Fene, Moeche, Pontevedra, Barro, Compostela, Arzúa, Cangas, Bueu, Santiso, A Mezquita, A Rúa e Moaña. Do mesmo xeito, en colaboración con entidades locais celebraránse actos na Coruña, Ferrol, Vigo, Baiona, Redondela, A Guarda, Ourense, Ribadavia, Teo e Marín. Nos vindeiros días sumaránse máis localidades á iniciativa. Os actos contarán con lectura de poemas como tema central arredor da bandeira da autoría de poetas como Ramón Cabanillas, Manuel María ou Marica Campo e actuacións musicais.
O obxectivo da campaña responde, por un lado á boa acollida que tivo nos últimos anos, mais tamén á escalada de españolización e ocultamento dos nosos símbolos. Un exemplo claro vímolo recentemente no anuncio do desfile do día das forzas armadas en Vigo o próximo ano. Por iso, desde Vía Galega entendemos que é máis necesario ca nunca impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos representan, identifican e recoñecen como pobo e que fortalecen a nosa conciencia.
