VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega realizará unha ofrenda floral aos Mártires de Carral e conmemora a Revolución Galega de 1846 co manifesto “Memoria acesa” da escritora Marta Dacosta

Carral, 25 de abril de 2023.- Vía Galega, Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, quere lembrar, no 177 aniversario da Revolución Galega de 1846, un dos acontecementos máis relevantes da nosa historia. Foi a resposta contra o goberno conservador de Narváez e o rexeitamento a un modelo de estado centralizador. Mais, tamén,  a defensa dun novo  rol para Galiza e a aposta por un sistema social e político mais xusto para as clases populares. O acto será o sábado 29 de abril ás 11:30 diante do monumento aos “Mártires da liberdade” de Carral.

A declaración da Xunta Superior do Goberno de Galiza, convertida en goberno do país durante uns días, pretendían recobrar a unidade territorial de Galiza  para loitar contra a posición subordinada á que fora sometido, política e economicamente, Galiza, afirmando: ”Galiza arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do pais, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun provir de gloria.”

Eses feitos, que remataron co fusilamento en Carral de 12 oficiais e o exilio de Antolín Faraldo, entre outros, quedaron gravados na memoria colectiva e foron o xermolo e  primeira etapa do actual nacionalismo.

Vía Galega quere, mediante este acto, homenaxear os mártires, dar a coñecer os motivos e feitos da Revolución Galega de 1846 e recobrar a nosa historia para manter a memoria acesa.

Achegamos o manifesto e o enlace para poder visualizar o  video  “A revolución de 1846 e os Mártires da Liberdade”  https://youtu.be/hAUVPAqB4BU

Caoordenadora de Vía Galega

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023