VÍA GALEGA. Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, á cal están adheridas 61 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, musical e veciñal, reclama que para o ano 2021 as Letras Galegas continúen coa homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.
A pandemia padecida desde o mes de marzo, o confinamento sufrido, as declaracións do estado de alarma, as restricións para a realización de actos presenciais e reunións e a limitación da mobilidade e, agora, a declaración, de novo, do estado de alarma e do toque de queda, prevéndose a súa vixencia até o mes de maio, son sobradas e convincentes razóns para que a Real Academia Galega asuma prorrogar ao ano 2021 a dedicación das Letras Galegas a Carvalho Calero. Calquera outra decisión suporía actuar inxustamente, minguar a posibilidade de dar a coñecer a figura e obra dunha personalidade fulcral do século XX.
Nin o conxunto da rede cultural de base nin o sistema educativo puido desenvolver unha programación e divulgación acaida dun escritor que cultivou todos os xéneros literarios, que conta cunha obra creativa, ensaística e científica valiosísima e que dispuxo a súa vida e traballo ao servizo de Galiza.
É necesario, tamén, estender, ao ano 2021, a celebración das Letras Galegas a figura de Carvalho Calero, xa que todo o alumnado galego non tivo clases presenciais nin asistiu aos centros escolares desde o mes de marzo até de xullo. Do contrario, impediríaselle aos escolares o estudo e coñecemento da súa significativa, diversa e prolífica obra e do achegamento a un escritor poliédrico, comprometido co seu idioma e o seu pais, fundamental na investigación literaria e nas achegas sociolingüísticas.
Se, realmente, a pretensión da dedicación das Letras Galegas é tributar un recoñecemento, valorar e coñecer en toda a súa dimensión a obra e figura de Ricardo Carvallo Calero, non hai máis saída que estender a súa celebración ao ano 2021. Esta é a solicitude de VÍA GALEGA.
Se con toda esta situación adversa que nos trouxo a pandemia non se acepta esta proposta, avalada por diferentes entidade e asociacións, estaríase cometendo unha nova discriminación e inxustiza coa figura de Ricardo Carvalho Calero.
Compostela, 28 de outubro de 2020
Portavocía de Vía Galega