VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega rexeita a proposta do PP de modificar a Lei do Deporte

Ante o debate no Senado, que vota hoxe a toma en consideración da reforma da Lei do Deporte presentada polo Partido Popular, e que busca blindar a participación do Estado e impedir a participación das seleccións nacionais nas competicións internacionais, Vía Galega amosa o seu absoluto rexeitamento a unha proposta que entendemos de profundo odio e negación contra os pobos e o seu dereito a existir e reivindicarse tanto nacional, como internacionalmente.

Desde Vía Galega sempre defendemos que a través do deporte transmítense múltiples valores, como o respecto, a participación, a diversidade ou a integración. Entendemos o deporte como unha ferramenta fundamental na construción de identidades colectivas, e son precisamente as nosas seleccións as que nos representan como pobo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social.  Impedir que poidan competir oficial e internacionalmente, é negar a identidade colectiva e evitar unha cohesión social.

Reclamar poder competir como galegos e galegas en todos os niveis e modalidades, non é ningunha rareza nin excentricidade, é un dereito que teñen garantido outras nacións como Gales e Escocia que, sen ter tampouco estado propio, participan oficialmente.

É preocupante, mais neste punto xa non sorprende, a postura tan reaccionaria do Partido Popular no ámbito deportivo, así coma o seguidismo daXunta da Galiza, que nin esixe competencias plenas no ámbito deportivo, nin crea seleccións galegas, sendo a única responsábel  de que non existan  competicións amigábeis das seleccións absolutas en todas as disciplinas deportivas.

Para Vía Galega o dereito a competir internacionalmente é vital para existirmos como pobo, por iso, xa en 2021 inicou a campaña “Galiza, un Pobo, unha selección” cunha Iniciativa Lexislativa  Popular para reclamar a oficialidade das seleccións deportivas. Unha campaña avalada  por un número importante de persoas representativas do  mundo do deporte  galego, mais que non impediu que fose criticada polo PSdG e botada abaixo polo PP.