VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Inaugúrase este mércores a exposición “Galiza: un pobo, unha selección” no Museo do Pobo Galego

Promovida pola Plataforma Vía Galega, reivindica que Galiza poida competir a nivel oficial en todas as disciplinas deportivas

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021.- A Plataforma Vía Galega convoca un acto aberto ao público este mércores 1 de decembro ás 19:00 horas na ala sur do Museo do Pobo Galego para inaugurar a exposición “Galiza: un pobo, unha selección” en Santiago de Compostela.

Vía Galega é unha entidade que agrupa máis de 60 colectivos culturais, sociais e deportivos galegos para crear conciencia en defensa dos intereses nacionais. Con esta campaña a favor das seleccións deportivas galegas pretende reclamar o dereito a que Galiza poida competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas. Para alén disto, tamén procura fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; e incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.

Esta exposición consta de 20 paneis sobre o pasado, o presente e o futuro do deporte galego e as súas reivindicacións a prol das seleccións nacionais galegas e da necesidade de que o pobo galego teña representación de seu na esfera internacional. Ten carácter itinerante e exhibirase en 35 cidades e vilas galegas durante este ano 2021 e o próximo 2022. No Museo do Pobo pódese visitar até o 9 de xaneiro de martes a domingo en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, de martes a domingo.

Neste acto intervirán Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Vía Galega; Xurxo Couto, responsábel de Cultura da Deputación da Coruña; o xornalista Héctor Pena, que realizou a coordinación dos textos da exposición; e Lucía Veciño, da Coordinadora de Vía Galega.