VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Presentación da campaña «Non emigramos. Expúlsannos».

Na última década 216.000 persoas tiveron que marchar de Galiza para atopar traballo, das que 80.000 eran menores de 30 anos

A plataforma Vía Galega, que integra máis de 50 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, presentou a campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”.

No inicio da comparecencia de prensa, a portavoz María Xosé Bravo trasladou a solidariedade en nome de Vía Galega aos presos e presas políticas cataláns e ao pobo de Catalunya, ademais de mostrar o rexeitamento “a esa sentenza profundamente inxusta”. “Os desexos dun pobo de querer decidir democraticamente o seu futuro non poden ser un delito”, afirmou. Así, convidou a sociedade galega a participar nas concentracións convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya “para amosar o rexeitamento ás medidas represivas que non van rematar coas ansias democráticas do pobo catalán”.

“Non pode ser que neste século XXI sigamos a padecer a emigración de miles e miles de persoas”, sinalou. Na última década 216.000 persoas con idades entre os 16 e 54 anos tiveron que marchar de Galiza para atopar traballo noutras terras, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. No caso dos menores de 30 anos que tiveron que deixar o país, son 80.000 mozos e mozas na última década, “co que iso significa desde o punto de vista social, familiar e individual”, explicou.

Destacou que hai tres universidades públicas galegas e as familias fan “un esforzo grandísimo” para que teñan mellor formación os seus fillos e fillas, “que non atopan traballo e van facer máis rica Londres, Berlín e toda Europa e outros lugares do mundo”. “Temos que acabar con esta sangría, con medidas concretas porque estamos a perder poboación”, engadiu María Xosé Bravo.

A campaña que se presentou co lema “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno” inclúe unha moción para presentar en todos os concellos, un manifesto, vídeos, charlas nas universidades “e rematará o 14 de decembro cun acto en todas as vilas e cidades para dicir que queremos traballo digno na nosa terra, que non marchamos, que nos expulsan e que precisamos acabar con este gravísimo problema”. 

Emprego de calidade

Deste xeito, fixo referencia a que é o Parlamento quen ten posibilidade de facer do emprego de calidade un dos obxectivos básicos “porque estamos nun país con talento e potencialidades que cómpre poñer en valor, porque é necesario concibir o feito da emigración galega como unha emerxencia nacional que precisa políticas que aseguren un traballo digno na nosa terra, con defensa da base produtiva e dunha economía autocentrada que mobilice todos os recursos para xerar emprego e riqueza na Galiza”.

Na comparecencia de prensa estiveron por parte da portavocía de Vía Galega María Xosé Bravo e Anxo Louzao; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; Vítor Sanabria, de Erguer; Salvador Soutullo, da Plataforma de Emigrantes Retornad@s Marusía; Óscar Valadares, de Mar de Lumes; e Iria Méndez, da Associaçom José Afonso.