Representantes de Vía Galega, a Plataforma en defensa dos dereitos sociais e nacionais de Galiza, rexistramos esta mañá na Xunta unha moción dirixida aos concellos para defenderen políticas que atallen a emigración, enmarcada na campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”.
Na última década emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos, por falta de oportunidades laborais no noso país, co que iso significa de perda de poboación.
A condición periférica e subordinada da economía galega, a destrución de parte importante da base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación están na base do devalo demográfico do país e do aumento da emigración.
Entre as propostas da moción, destaca constituír no Parlamento galego unha ponencia sobre a emigración co obxecto de que, no prazo de cinco meses, estude e propoña medidas e políticas necesarias para rematar con este drama social que golpea o pobo galego.