VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega convoca a manifestación “Somos unha nación”

Convocatoria

Con saída ás 11:30 horas do 24 de abril de 2022 da alameda de Compostela

Somos unha Nación. Conformada hai centos de anos. Recoñecida oficialmente en 1933 no IX Congreso  das Nacionalidades Europeas. Galiza reúne todos os trazos que conforman un pobo,  unha nación. Por ter idioma propio, territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura social diferenciada, hábitos psicolóxicos colectivos, unha cultura de seu en todas as súas manifestacións e unha historia propia.

Esta realidade obxectiva, a condición nacional, foise afianzando coa toma de conciencia política e a afirmación patriótica. Necesítase vontade colectiva de existir politicamente e conciencia de pertenza a un pobo para exercer e ser titular de todos os dereitos colectivos. Por iso, o Pobo Galego se autoorganiza a través de organizacións propias en diferentes ámbitos (político, sindical, agrario, social, cultural, lingüístico, ecolóxico, feminista, deportivo, etc.) para así ir conformando poder popular con centro de decisión en Galiza e sen ataduras nin subordinación a forzas e intereses alleos.

O Estado español, como construción política imposta, fundamenta a súa existencia na opresión e na negación dos dereitos das nacións que o conforman. O pobo galego ten dereito a ser soberano para decidir o seu futuro. Non hai democracia, nin liberdades individuais plenas se se prohibe exercer as colectivas, como o dereito inalienábel á autodeterminación da nación galega.

Somos unha nación cun territorio e cunhas condicións naturais extraordinarias, cunha inmensa riqueza que atesoura numerosos recursos mineiros, enerxéticos, forestais, agrarios e pesqueiros. Somos unha nación con inmensurábeis potencialidades. A agricultura e gandaría continúan a ser un piar básico da nosa economía con grandes posibilidades. Somos unha potencia mundial en pesca e a primeira frota do Estado, posuímos unha importante riqueza  mineral e máis do 50% da madeira que se corta no Estado é galega.  

A carencia de soberanía nacional subordinou o noso desenvolvemento aos intereses da oligarquía española e a desenvolver outros territorios en detrimento de políticas favorábeis para Galiza e as súas clases populares. A nosa dependencia económica é consecuencia do rol colonial que nos teñen asignada a burguesía española, a UE e o Estado e, tamén, ao papel das elites económicas asentadas en Galiza que, en lugar de proceder en clave galega, se subordinan a un modelo económico que o capitalismo ten destinado ao noso país, como nación periférica, na división internacional do traballo.

Precisamos plena capacidade política para impedir o espolio do noso medio natural, para dispor da nosa riqueza, do noso aforro e do excedente que xeramos. Somos vítimas dun saqueo permanente dos nosos recursos. Por exemplo, exportamos ao redor do 35% da enerxía eléctrica que producimos. 168 encoros destrúen os nosos ríos e asolagan os nosos vales e 186 parques eólicos inzan os nosos montes aos que se suman as 275 novas solicitudes que pretenden invadir o noso territorio. No entanto, a propiedade non é de ningunha empresa pública galega, senón de multinacionais que, baixo unha lexislación ditada para os seus intereses, actúan como verdadeiros saqueadores. Mais, iso si, Galiza carga coas consecuencias sociais e ambientais para abastecer outros territorios e a cambio nin sequera temos unha tarifa eléctrica galega. Mentres, Galiza continúa cun desmantelamento industrial crónico, cuns salarios dos máis baixos do Estado, coas segundas pensións máis reducidas e a mocidade segue condenada a emigrar.

Temos dereito a decidir e a responsabilizármonos do noso futuro. Un futuro que cree emprego de calidade, remate co desemprego e a emigración, asegure unha sanidade, ensino e uns servizos de protección social públicos, universais, gratuítos e de calidade. A soberanía é imprescindíbel para construír un modelo económico autocentrado e sostíbel, cunha base produtiva alicerzada nos sectores estratéxicos da nosa economía e nun tecido industrial ao servizo de Galiza para mellorar o nivel de vida do conxunto da sociedade.

Con soberanía política decidiriamos sobre todo o que nos afecta como galegos e galegas. Así, dispoñeriamos dun sistema fiscal e de financiamento propio e soberano. Xestionariamos os nosos aforros e recursos financeiros e dotariámonos dunhas infraestruturas ferroviarias deseñadas en función das nosas necesidades colectivas, duns portos e autoestradas de titularidade pública galega e fariamos fronte á perda de poboación e ao desmantelamento do rural.

Somos unha nación e necesitamos a plena soberanía para que o noso idioma recupere todos os usos e funcións dunha lingua normalizada e non continúe perseguida e proscrita; para desenvolver a nosa cultura, potenciada e valorada en lugar de marxinada, substituída e españolizada e para gozar dun modelo educativo galeguizado e en galego.

Cómpre combater e desenmascarar a falsidade de que Galiza é un País subsidiado. Que por si mesmo non ten futuro. Na realidade o que sucede é todo o contrario. Galiza contribúe con 3.000 millóns euros de máis en relación aos recursos que recibimos do Estado. Por outro lado, hoxe máis de 4.000 empresas que teñen sede ou os seus centros de produción en Galiza non tributan aquí, senón en Madrid. Só no imposto de sociedades, Galiza deixa de recadar máis de 1.000 millóns de euros anuais. En consecuencia, dispoñer dun modelo tributario e de financiamento propio suporía termos uns ingresos a maiores para poder mellorar e estender os servizos públicos e  sociais.

Manipúlase a realidade para transmitir que o noso destino natural non é outro que a subordinación ao Estado español. Para iso, substitúese o propio polo alleo, estigmatízasenos como pobo, perséguese a nosa identidade colectiva, bórrase a nosa historia e suplántanse os nosos sinais e símbolos nacionais. Todo este deseño, artellado para negarnos como pobo,  amplifícase e agrávase coa posición ideolóxico-política do Goberno galego e do seu presidente que, por acción ou omisión, se converte nun baluarte e adaíl da españolización de Galiza. Un presidente que maltrata o noso idioma e lexisla en contra do ensino en galego. Un presidente que despreza a nosa cultura e renuncia ás cativas competencias políticas que temos. Un presidente que se opón a  que Galiza compita coas súas seleccións deportivas e que as/os deportistas  poidan subir ao podio coa bandeira galega e escoitar o noso himno.

Somos unha nación con historia propia. Descoñecida por negada, ocultada e terxiversada. A pretensión do poder é transmitir a visión dunha Galiza insignificante, submisa e sen identidade propia. Galiza tivo sempre presente a reivindicación dos seus dereitos nacionais. Protagonizou numerosas loitas, levantamentos e rebelións contra o seu dominio e asimilación. Como mostra, este mes de abril cúmprense 176 anos daquel “Abril de lume e ferro”, en palabras de Manuel María, en que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia de Galiza: a Revolución Galega de 1846 que rematou, infelizmente, o 26 de abril, cos fusilamentos en Carral dos “Mártires da liberdade”.

Lembremos e recoñezamos os Mártires de Carral e a todo aquel movemento manifestándonos en Compostela, baixo o berro de Antolín Faraldo “de non queremos ser máis que galegos!”, para afirmar que SOMOS UNHA NACIÓN e temos dereito á autodeterminación. Confiemos en nós mesmos e mesmas. Coa nosa forza, vontade e afouteza, Galiza, máis pronto que tarde, será libre.

Convocatoria