VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

De Nós a Nós

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp
María Xosé Bravo

María Xosé Bravo

Portavocía de Vía Galega

Quem não sabe de onde vem
não sabe onde está nem a onde vai 

Lília Momplé

Vimos de festexar o centenario de Nós, da aparición da revista mais tamén de toda unha xeración. Nas páxinas de Nós atopamos ese elo de unión da cultura galega coa vangarda europea, atopamos por exemplo, traducións de fragmentos de Ulises dezanove anos antes de que esta obra de James Joyce se traduza ao español. Mais tamén atopamos outros textos literarios, filosóficos ou políticos de plena actualidade. As páxinas de Nós están cheas de escritos que teñen hoxe, cen anos despois, plena vixencia. Lois Peña Novo escribía, en xaneiro de 1922, un artigo titulado “Nacionalismo e democracia” e comezaba dicindo: “Tres son os grandes probremas da Humanidade culta: o nacional, o democrático, e o social. O probrema social, que busca a solución ós conflitos do Mundo do Traballo. O democrático, pol-o que buscan os pobos formas de Goberno axeitadas á sua cultura. E o nacional, que é o direito de cada pobo a rexir libremente o seus destinos. O redor d’istos probremas xira toda a Civilización da Humanidade”. E continuaba, “para o trunfo do ideial democrático tén antes que ser resolto o probrema nacional porque é o primeiro que tén que se resolver para o trunfo dos principios civilizadores”.

E así seguimos, dando voltas á nora, —ou “arredor de si”, que diría Otero—, como unha especie de Penélope “un paso adiante e outro atrás Galiza”, deixando, para tempos mellores, reivindicar os nosos dereitos nacionais. Semella que acreditamos en que hai cousas máis urxentes ás que dar resposta, mais o certo é que se como pobo non somos conscientes de que os dereitos colectivos son ferramentas imprescindibles para facer que outros dereitos poidan ser esixidos, e conseguidos, de xeito real  e non sexan só un brinde ao sol, non sexan só papel mollado, non seremos capaces de avanzar no esencial. É isto vale tanto se falamos de dereitos democráticos, igualdade real entre homes e mulleres, dereito a un salario digno, dereito á vivenda… porque en realidade a pregunta que debemos facernos é, somos persoas, homes e mulleres libres? Ou alguén moi lonxe de aquí decide que nos convén, alguén dispón que lingua, que cultura é de primeira e cal é, pode ser, residual, só familiar, só local? Podemos gobernarnos nós a nós mesmos? Porque a resposta positiva a esa pregunta é a que posibilita que nós decidamos sobre o noso, con coñecemento e con responsabilidade… Sobre o noso futuro económico, medioambiental, cultural, en definitiva se temos futuro como pobo ou somos “nada máis que a suma de catro provincias da España”, que dicía Ánxel Fole. 

E para ter esa idea como alicerce de futuro precisamos seguranza total nas nosas forzas, nas nosas potencialidades, nas nosas capacidades, nos nosos talentos… e logo dun debate construtivo ser capaces de sumar vontades que nos permitan, a Vía Galega e ao que nós representamos, medrar en visibilidade e máis alá das retóricas baleiras traballar na defensa dos dereitos colectivos deste pobo.

E tamén aquí cómpre mirar para ese primeiro número de Nós. Así comeza a editorial daquel 30 de outubro de 1920: 

É a ansia qu’oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora […] E, ós que s’asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol—a evidencia de sermol—os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal—as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden…

Esa confianza acompáñanos hoxe? Sabémonos un pobo rico cheo de xente traballadora que quere, que esixe, poder decidir sobre todo o que lle compete? Somos vangarda en moitos campos do saber, miremos por exemplo os últimos premios estatais -nacionais din eles- de poesía  ou os recoñecementos en ciencia ou tecnoloxía mais estamos convencidas que IMOS TRIUNFAR POR SER NÓS, POR SERMOS GALEGAS? 

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp