Na roda de prensa de Vía Galega e Galiza Cultura, na que estiveron presentes Anxo Louzao, Viki Traveso, Carlos Vieito, Iria Nande e Laura Blanco e Loiz Froiz deron conta dos actos que teñen programados por toda Galiza para o día 20 de decembro, ás 20h, baixo o título “Cantar a nación. Aniversario da estrea do himno galego” para conmemorar o 116 anos da estrea, solemne, do Himno Galego no Gran Teatro de Habana.
O coordenador de Vía Galega, Anxo Louzao afirmou que “desde hai tempo vimos desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira. Un fito histórico da relevancia da estrea “oficiosa” do noso himno, o 20 de decembro de 1907, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura, pois o himno é a afirmación patriótica da nación galega e amosa as súas ansias de liberdade. O himno identifícanos como pobo e nel vémonos representados todos os galegos e todas as galegas”
Ante a galopante españolización e a imposición de simboloxía allea a Galiza- que moitas veces promove ou apoia a propia Xunta de Galiza, no canto de realzar e propagar os nosos símbolos- Vía Galega e Galiza Cultura están empeñadas en popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado. Por iso, este 20 de decembro nas sete cidades galegas e noutras localidades, ás oito da noite, Vía Galega e Galiza Cultura, ten organizado diferentes actos, con distintas actuacións, que todos eles se cerraran coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, creado por Eduardo Pondal para o Certame Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga
Como é sabido, o noso himno está formado polas catro primeiras estrofas do poema “Os Pinos” de Eduardo Pondal e pola música de Pascual Veiga. O texto do himno galego, recollido na Lei de Símbolos de Galiza de 1984, ten diferentes erros, xa que non bebeu da fonte orixinal pondaliana, senón que se baseou nunha defectuosa versión editorial que tiña herdado erros acumulados desde había anos.
A investigación do máximo especialista do noso himno, o profesor da UDC Manuel Ferreiro, demostrou, xa hai máis de 30 anos, as alteracións e erros que se foron transmitindo no himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal. Malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, polo nacionalismo no Parlamento e despois de 39 anos de promulgación da Lei de Símbolos de Galiza, ao día de hoxe, o texto do noso himno continúa sen estar corrixido, destacando catro alteracións de importancia.
A primeira alteración: a desaparición da indicación de que o texto é un diálogo. A segunda alteración : a presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco en lugar de rouco e iñorantes por ignorantes). A terceira alteración: a aparición de formas inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos por férridos). A cuarta alteración o uso de chan en lugar de clan .
O último intento para reparar o himno foi a presentación e debate (26/9/23) no Parlamento Galego da “Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por preto de 16.000 sinaturas que, no entanto, foi rexeitada cos votos en contra do PP e PSOE e só contou cos votos favorábeis do BNG.
Louzao afirmou que “O impresentábel deste rexeitamento é que non está fundamentado en ningunha proposta que cuestione as documentadas e académicas correccións propostas polo profesor Ferreiro. Ao PP e ao PSOE non lles importa posicionarse en contra da certeza científica e carecer de argumentos para refutar as propostas recollidas na ILP – que son as correctas e as fidedignas ao texto orixinal do noso himno, creado por Eduardo Pondal- porque o seu cuestionamento responde a un total desleixo e desconsideración a todo o que nos afirma como pobo e identifica como nación”.
Continuou a dicir que “Despois de que pasaron máis de dous meses e medio do debate da ILP no Parlamento e que o PP e o PSOE xustificaran o seu voto en contra no compromiso da constitución dunha comisión parlamentar especial para corrixir a letra do himno, aínda, hoxe, nin sequera, teñen elaborado o plan de traballo. Todo está predisposto a atrasar o seu traballo a espera da convocatoria de eleccións para disolver o Parlamento e por tanto a comisión. Repítese o que sucedeu en 1996, hai 27 anos, tamén se constituíra unha ponencia parlamentar para estudar as correccións da letra do himno e ao disolverse o parlamento os seus traballos quedaron en nada.”
Concluíu “que miles de persoas se darán cita nos actos do día 20, nos que se entoara o Himno completo coa letra fidedigna, a orixinal, a composta por Eduardo Pondal, restaurando, así, na práctica a letra do noso himno, tal e como xa o veñen cantando numerosos galegos e galegas desde hai máis de 30 anos. Non hai resistencia posíbel que paralice razón e a verdade histórica e estas están da nosa parte. Por iso, estamos certos que os “tempos son chegados” para reparar oficialmente a letra do noso himno nacional e para proclamar a ” rendenzón da boa nazón de Breogan”
Actos previstos para o 20 de decembro de 2023
A Coruña
20 de decembro, ás 20h. Rúa Rego de auga, fronte ao teatro Rosalia, coa actuación do “Coro Cántigas da Terra”
Arzúa
20 de decembro, ás 20hs na Capela da Madalena. Actuación da Rondalla Moraima xunto coa Escola de Música e Baile tradicional galego O Bringuelo.
Santiago de Compostela
20 de decembro, ás 20h no Teatro Principal. Actuación de Coro Crecente, Coral Solfa e Cantigas e Agarimos.
Ferrol
20 de decembro, ás 20h no Centro Cultural Torrente Ballester. Actuación de Alberte Maceiras, Xoán Padín e As Revoltosas de Antónia Alarcom.
Lugo
20 de decembro, ás 20h na Praza Quiroga Ballesteros (Praza de Abastos). Actuación da Coral do IV Ciclo da USC e Cántigas e Flores.
Ourense
20 de decembro, ás 20:30hs no Salón de Actos da Casa Sindical ( Parque de San Lázado,12) Actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum
Pontevedra
20 de decembro, ás 20hs no Teatro Principal de Pontevedra. Actuación do Grupo Maravallada.
Vigo
20 de decembro, ás 20h no Auditorio Mar de Vigo. Actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión e Orfeón Mariñeiro do Berbés